Utilizamos cookies de terceros para mejorar continuamente nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.   Más Intormación - Aceptar.
abanca convenio

 

 

ABANCA e a Asociación Boirense de Empresarios (ABE) veñen de asinar un convenio financeiro co obxectivo de impulsar, fundamentalmente a través do crédito, o investimento e a mellora competitiva das empresas adheridas a esta organización.

O presidente de ABE, Óscar España, e o director de zona de ABANCA en Santiago-Barbanza, Jesús Soto, rubricaron hoxe na sede da asociación en Boiro un acordo que renova a aposta que mantén a entidade financeira co tecido empresarial de Galicia. No acto tamén participou o coordinador de Institucional Coruña, José Manuel Vilariño.

O convenio facilita que os empresarios e emprendedores da localidade asociados accedan a unha ampla oferta financeira con condicións melloradas respecto ao mercado. Este colectivo contará con produtos especificamente deseñados para facilitar a posta en marcha de proxectos empresariais na zona ou a mellora competitiva dos que xa están establecidos. Á súa disposición ABANCA pon tamén préstamos e hipotecas dirixidos ao investimento, con amplos prazos de amortización, posibilidade de carencias e con xuros moi competitivos.

De maneira adicional, os empresarios asociados contarán, en condicións especiais, con outros produtos da entidade financeira galega específicos para atender as necesidades do día a día das empresas, como pólizas de crédito, anticipos, avais ou liñas de desconto comercial.

O protocolo tamén inclúe unha oferta vantaxosa na contratación de liñas de comercio exterior e no anticipo de subvencións, así como a posta a disposición do colectivo das liñas de financiamento especial do Plan Activamos, recentemente renovado entre ABANCA e a Deputación da Coruña.

Do mesmo xeito, o acordo asinado inclúe condicións melloradas na contratación de TPV (Terminais Punto de Venda) da entidade, así como o acceso a APLAZOS, o servizo de compras de ABANCA.

Os empresarios adheridos a ABE poderán acceder tamén ás vantaxes que ofrece o novo Programa Cero Comisións de ABANCA, que permite deixar de pagar polo mantemento das contas e tarxetas, pero tamén polas transferencias, ingresos de cheques ou outros servizos habituais.