A ABE pecha a maior campaña dixital da súa historia: 112 empresas participantes, máis de 50 vídeos e 1,62 millóns de impresións

A Asociación Boirense de Empresas vén de concluír unha das iniciativas máis ambiciosas e pioneiras emprendidas até o momento no ámbito asociativo local: unha campaña integral de promoción dos negocios de Boiro en Facebook e Instagram, desenvolvida entre o 25 de marzo e o 31 de outubro, na que participaron 112 empresas asociadas e se elaboraron máis de 50 vídeos personalizados.

Trátase dunha acción inédita no noso entorno: ningunha outra asociación empresarial comarcal ou municipal levou a cabo un proxecto de tal envergadura, tanto pola magnitude dos contidos como polo impacto acadado. A súa execución supuxo un enorme esforzo organizativo e creativo, mais os resultados son cualificados como espectaculares.

Impacto e visibilidade para o tecido empresarial

Durante estes meses, a ABE mantivo unha presenza diaria e coordinada nas redes sociais, combinando publicacións, historias e, sobre todo, Reels.
O alcance total da campaña ascendeu a 1,62 millóns de impresións, garantindo unha visibilidade sostida e continuada das empresas participantes.

Os Reels publicados foron o motor principal da notoriedade:

  • Facebook acadou 606.000 impresións, máis de 20.400 interaccións e 17.830 clics cara a contidos das empresas.
  • Instagram sumou máis de 1millón de visualizacións, con varios vídeos superando os 20.000 alcances.
  • Os mellores Reels chegaron a 44.000 reproducións en Facebook e 35.000 en Instagram.

Un proxecto que deixa pegada: crecemento das redes e máis impacto futuro

A campaña, ademais de promocionar a máis de 100 negocios locais, impulsou de forma notable o crecemento das redes sociais da ABE, que agora suman máis de 6.280 seguidores entre Facebook e Instagram, cun incremento neto de +596 e +567 respectivamente.

Máis do 40% dos seguidores son de Boiro, o que consolida unha comunidade local forte e moi activa.

Este incremento non é só unha cifra: significa que, a partir de agora, as actividades, campañas e mensaxes da ABE chegarán a moita máis xente, multiplicando o impacto das accións que se desenvolvan de aquí en diante.

Un balance extraordinariamente positivo

O proxecto deixa un dobre éxito:

  1. Visibilidade directa para 112 empresas asociadas, que déronlle rostro, voz e identidade ao comercio e servizos de Boiro.
  2. Fortalecemento das plataformas dixitais da ABE, converténdoas nunha ferramenta estratéxica de comunicación, promoción e dinamización local.

Un proxecto realizado por talento local

A campaña foi executada pola cooperativa Kracia, empresa asociada á ABE, que asumiu a produción, planificación e difusión de todo o contido dixital.

A ABE agradece a participación e colaboración de todas as empresas implicadas e continuará apostando por accións innovadoras que reforcen o comercio e o tecido empresarial do municipio.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar