ABE lanza a campaña “Volta ao cole: Cada compra suma”
cun fin solidario
Boiro, 09 de setembro de 2025.
A Asociación Boirense de Empresas (ABE) pon en marcha unha nova campaña baixo o lema “Volta ao cole: Cada compra suma”, que se desenvolverá entre o 10 de setembro e o 5 de outubro, cun sorteo final o día 6 de outubro.
O obxectivo principal da iniciativa é incentivar as compras locais nos máis de 200 negocios asociados, ao tempo que se reforza o compromiso social da entidade a través dunha colaboración coa Cruz Vermella de Boiro, destinada a apoiar ás familias con maiores necesidades no inicio do curso escolar.
Como funciona a campaña
As persoas que realicen compras nos negocios asociados poderán rexistrar os seus tickets en www.abe.gal. Cada ticket:
- Participará no sorteo dun ordenador portátil HP.
- Xerará unha doazón de 0,10 € por parte da ABE á Cruz Vermella de Boiro.
O importe recadado transformarase en bonos ABE, que a Cruz Vermella repartirá entre as familias máis necesitadas, para que poidan adquirir material escolar nos establecementos locais.
Impacto previsto
A web da ABE acumula neste 2025 unha media de máis de 3.000 rexistros mensuais, acadando en xullo un máximo histórico de 3.995 rexistros. O reto da campaña é superar esa cifra, o que suporía unha doazón superior aos 400 € en bonos para material escolar.
Visibilidade e material promocional
Para dar a coñecer a campaña, ABE distribuirá entre os comercios asociados cartaces e caballetes de mostrador, ademais dunha ampla campaña publicitaria en web e redes sociais, co obxectivo de acadar a máxima difusión entre a veciñanza.
Declaracións institucionais
O presidente da ABE, Daniel García, destacou que “queremos que cada compra conte por partida dobre: como apoio ao comercio local e como axuda directa a familias que precisan un impulso extra neste comezo de curso. É unha oportunidade para demostrar que en Boiro mercar no comercio de proximidade tamén é un xesto solidario”.
Pola súa parte, o presidente da Cruz Vermella de Boiro, Julio García, sinalou que “esta colaboración con ABE vai permitirnos apoiar a moitas familias que afrontan o inicio do curso con dificultades. É un exemplo de como o tecido empresarial pode sumar esforzos coas entidades sociais para mellorar a vida da comunidade”.
A concelleira de cultura, María Outeiral, quixo felicitar á iniciativa subliñando que “esta campaña amosa o mellor de Boiro: comercio, solidariedade e compromiso coa veciñanza. Dende o Concello apoiamos todas aquelas accións que reforcen o consumo local e que teñan un impacto positivo na sociedade”.
Revista Boiro, compras con corazón
Así mesmo, aproveitouse a rolda de prensa para presentar a revista resumo da campaña “Boiro, Compras con Corazón”, xa dispoñible na web da ABE. O documento recolle os principais fitos e resultados desta iniciativa, que se consolidou como unha das campañas máis relevantes da asociación en apoio ao comercio local.
Con este dobre anuncio, a ABE reforza o seu compromiso co consumo de proximidade e co benestar social da veciñanza, demostrando que cada compra pode ter un impacto positivo máis aló da propia transacción.