Boiro énchese de actividade coa campaña “MercaNaVila”: bonos de 100 €, diversión nas rúas e apoio ao comercio local
Boiro, 21 de outubro de 2025.
Boiro vive esta semana unha auténtica festa do comercio local coa campaña MercaNaVila, unha iniciativa impulsada pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Concello de Boiro e da Asociación Boirense de Empresas (ABE), que ten como obxectivo incentivar o consumo e dinamizar a economía local.
Grazas a este programa, calquera persoa, sexa de onde sexa, pode descargar un bono de 100 € para gastar nos establecementos adheridos da vila. O obxectivo é atraer visitantes, apoiar ao comercio de proximidade e poñer en valor a diversidade da oferta local.
“Queremos que mercar en Boiro sexa unha experiencia agradable e diferente. Non só se trata de aproveitar os bonos, senón tamén de vivir a vila, pasear, gozar das rúas e coñecer todo o que ofrece o noso comercio”, destacou José Ramón Romero, alcalde de Boiro. “Este programa supón un impulso directo para os negocios locais e, ao mesmo tempo, unha oportunidade para que veñan persoas doutros concellos a descubrir Boiro”.
Información e axuda personalizada
Para facilitar a participación, ABE instalou unha jaima informativa no Mercado Municipal os días luns 20 e martes 21 de outubro, en horario de 11:30 a 13:30 h. Alí, o equipo da asociación atendeu centos de persoas, moitas delas con dificultades tecnolóxicas, axudándoas a descargar e activar o bono no seu móbil e explicándolles como e onde poder empregalo.
“Este tipo de campañas funcionan mellor cando se combinan coa presenza directa na rúa”, explicou Tomás Estévez, xerente da ABE. “Moitas persoas achegáronse para recibir información e marcharon da jaima coa aplicación instalada e os bonos listos para usar. A resposta foi moi positiva”.
Actividades familiares nas rúas
A campaña complétase con animación infantil e actividades de lecer que converterán as rúas de Boiro nun espazo vivo e atractivo:
- Venres 24 de outubro, diante do Mercado Municipal: contacontos “A trastenda dos contos” de Caxoto + reparto de palomitas e folletos informativos.
- Sábado 25 de outubro pola mañá, na Rúa Santos Mieites: contos e teatro de obxectos para toda a familia.
- Sábado 25 de outubro pola tarde, na Praza do Concello: parque de inchables gratuíto para os máis pequenos.
“O comercio local é moito máis ca tendas: é vida nas rúas, relacións, identidade. Con esta campaña queremos atraer máis xente e crear un ambiente festivo arredor das compras”, sinalou Daniel García, presidente da ABE. “É tamén unha mostra de que cando administracións e tecido empresarial traballan xuntos, os resultados multiplícanse”.
Unha oportunidade aberta a todos
Os bonos de 100 € poden descargarse a través da plataforma oficial da Deputación da Coruña Mercanavila e poden ser utilizados por calquera persoa, viva ou non en Boiro, nos comercios adheridos á campaña.
“MercaNaVila é unha oportunidade real para atraer novos visitantes á nosa vila e reforzar o papel do comercio local como motor económico”, engadiu o alcalde.
Toda a información práctica sobre a campaña está dispoñible na jaima informativa da ABE e nos perfís oficiais da Asociación Boirense de Empresas e do Concello de Boiro.