Utilizamos cookies de terceros para mejorar continuamente nuestros servicios. Si continúas navegando aceptas el uso de éstas.   Saber máis - Aceptar.

Familias reais de Boiro poñen cara á nova campaña da ABE a favor do consumo local

 

Boiro a 10 de xuño de 2025

 

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) presentou hoxe a nova campaña de concienciación sobre o consumo local, protagonizada por catro familias reais de Boiro, seleccionadas mediante un casting previo. A través de fotografías e frases inspiradoras, a campaña pretende destacar as vantaxes sociais e económicas de mercar no comercio de proximidade.

O acto de presentación tivo lugar diante da praza de abastos, onde están colocadas dúas das lonas de gran formato da campaña. Contou coa participación do presidente da ABE, Daniel García, acompañado polo alcalde de Boiro, José Ramón Romero, e o concelleiro de Comercio, Roberto Lojo.

“Esta campaña representa o espírito do noso pobo. Son familias reais, de aquí, que defenden unha maneira de mercar que mantén vivo o comercio local, crea emprego e fortalece a economía circular”, destacou Daniel García, presidente da ABE.

Pola súa parte, o alcalde José Ramón Romero sinalou que “o pequeno comercio é clave para a identidade e a calidade de vida en Boiro. Apoiar iniciativas como esta é apostar polo futuro do noso municipio”.

Cada familia aparece representada en dúas fotos diferentes, acompañadas por frases que recollen o seu vínculo co comercio local. En total, son 8 frases que xa poden verse:

  • Na web da ABE: www.abe.gal
  • Nas redes sociais da entidade
  • Polas principais rúas comerciais de Boiro:
    • 24 pancartas en farolas
    • 2 lonas de gran formato na fachada da praza de abastos (Concello)
    • 2 monolitos situados como novidade na avenida da Constitución

A través desta ampla distribución, a ABE pretende chegar a todos os espazos comerciais da vila e reforzar a presenza do comercio local na vida diaria da cidadanía.

Como parte da campaña, a ABE pon en marcha un concurso participativo para os clientes dos negocios asociados: ata o 22 de xuño, os clientes poden votar pola frase que máis lles guste na web ou escaneando o código QR dos monolitos.

Entre todos os participantes sortearanse 3 lotes de premios, que inclúen:

  • Smartwatch
  • Auriculares sen fíos
  • Bono de compra de 100 €

Con esta campaña, a ABE quere concienciar á veciñanza de que mercar local é apoiar aos nosos veciños e veciñas, crear emprego, dar vida ás rúas e contribuír ao benestar común. Mercar en Boiro é apostar por un pobo máis vivo, máis seguro e con futuro para as novas xeracións.

A iniciativa conta coa financiación da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello de Boiro e forma parte do plan anual da ABE para dinamizar o comercio local e fomentar un consumo consciente e responsable.

 

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar