O DIRETOR XERAL DE COMERCIO VISITA A SEDE DA ABE
- Manuel Heredia mantivo unha xuntanza co presidente, Daniel García e co Xerente, Tomás Estévez para coñecer de primeira man o traballo que se está a desenvolver dende o centro comercial aberto.
- O presidente da ABE trasladoulle a necesidade de seguir apostando polos Bonos Activa Comercio .
Boiro 28 de xullo de 2023
Na mañá de hoxe a sede da ABE recibiu a visita do Director Xeral de Comercio, Manuel Heredia, que mantivo unha xuntanza co presidente, Daniel García e co Xerente, Tomás Estévez para analizar a situación do sector comercial e coñecer de primeira man o traballo que se está a desenvolver dende o centro comercial aberto.
Por espazo de mais de dúas horas o Director Xeral analizou cos representantes da ABE tanto a situación xeral do sector, con temas tan importantes como a lexislación sobre rebaixas, a venda online e a dixitalización dos comercios a outros mais particulares como as posibilidades de mellora da orde de axudas CO300A da que a patronal de Boiro é unha das entidades beneficiarias.
Sobre este último punto centrouse boa parte da xuntanza buscando posibilidade de mellora da orde que entre outros conceptos subvenciona parte das campañas de promoción comercial que organiza a ABE como a actual das quincenas fantásticas ou mesmo o sistema de fidelización que xa conta con mais de 1.800 usuarios.
O presidente da ABE aproveitou a visita para ensinarlle as aulas de formación nas que proximamente se poderán desenvolver cursos de formación específicos para comerciantes e ademais trasladoulle a necesidade de “seguir apostando polos Bonos Activa Comercio que supoñen un impulso para o comercio local en meses de baixa demanda xa que inxectaron mais de 12 millóns de euros nos negocios participantes”
Pola súa banda Manuel Heredia, explicou a visión da Dirección Xeral de Comercio sobre o panorama comercial en Galicia con obxectivos como a profesionalización do tecido asociativo a mellora na dixitalización e a aposta pola formación.
Para finalizar a xuntanza quixo poñer en valor o traballo da asociación e a calidade do comercio de Boiro sinalando a ABE como “ unha das entidades de referencia no panorama asociativo da comunidade”