Hai 35 anos que un grupo de empresarios fundaron a que hoxe é a Asociación Boirense de Empresarios, unha asociación multisectorial que representa a 200 empresas de Boiro e contorno.
No ano 2005 deuse un paso adiante na profesionalización da entidade ao crearse o centro comercial aberto de Boiro que a dia de hoxe conta con dous galardóns nos premios nacionais de comercio.
Actualmente está integrada en diferentes entidades entre as que destacan as redes Redic e Eusumo da Xunta o observatorio económico da cámara de comercio ou o consello escolar de Boiro e mais recentemente no pacto polo clima da Xunta e o pacto pola xeneración dixital do Goberno de España.
As funcións principais da entidade son a representación e defensa dos intereses dos membros do colectivo, a promoción do tecido empresarial da localidade e a prestación de servizos as empresas asociadas.
Neste útlimo apartado destaca a tramitación de subvencións sendo unha das poucas asociacións a nivel nacional que presta este servizo e cunha porcentaxe de éxito no pasado ano de mais do 90%.
Entre as actividades de promoción destacan o Pecha Kucha, que o vindeiro ano chegará a súa 10 edición, as noites abertas que son un clásico de Boiro e que atraen a miles de visitantes ou mesmo os premios ABE nos que cada ano os propios empresarios escollen entre os seus compañeiros aos gañadores e cuia gala xa é un clásico anual ao que acoden mais de 150 empresarios e invitados.
Destacar que este ano a implantación dun sistema de fidelización feito a medida resultou un éxito sen precedentes neste tipo de sistemas xa que actualmente conta con 2.280 usuarios sobre unha poboación de Boiro que non chega aos 20.000 habitantes.