O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e o Director Xeral do Igape, Juán Cividades, participaron onte en Boiro nunha xornada empresarial con pemes e autónomos na que se informou dos diferentes programas de axudas que a Xunta ten activos para impulsar a competitividade do tecido produtivo e a creación de emprego.
No encontro, celebrado na Asociación Boirense de Empresarios, Conde sinalou o dinamismo empresarial do municipio, que conta con máis de 2000 empresas, e apuntou que, se se busca que ese número se fortaleza e medre, debe impulsarse a estratexia 4.0, a dixitalización e as novas tecnoloxías; ofrecer formación aos profesionais para que melloren a súa cualificación; e diversificar os produtos para chegar a máis mercados.
O acto, que contou coa presenza de 50 empresarios, comezou co discurso do presidente da ABE que quixo destacar que “este encontro encádrase nas liñas de traballo que vimos desenvolvendo na ABE nas que apostamos por achegar aos socios actos e actividades de primeiro nivel como o programa de capacitación para ou os almorzos ABE, un lugar de encontro coa actualidade empresarial que é capaz de reunir ata 50 empresarios ás 9:00 da mañá como ocorreu a pasada semana co almorzo sobre mellora da produtividade”
O presidente quixo aproveitar a oportunidade de contar coa presenza do alcalde para transmitirlle que a ABE ten o obxectivo de “implantar na ABE un punto PAE, un punto de atención ao emprendedor que pertence a unha rede nacional de centros que nos permitirá ser o epicentro emprendedor da comarca. Un proxecto moi ambicioso que soamente poderá saír adiante coa colaboración do concello de Boiro que espero, alcalde, poidamos levar a bo porto canto antes”
O conselleiro lembrou na súa intervención que “Boiro forma parte dos Concellos Emprendedores, que ofrecen incentivos ás empresas que queren asentarse nos seus municipios e que teñen prioridade no acceso a diferentes convocatorias de axudas”
Tamén fixo fincapé en que “é preciso que as empresas gañen en tamaño se queren seguir sendo competitivas nos diferentes mercados, e referiuse a programas de apoios con prazos de solicitude abertos como os destinados aos autónomos, a impulsar o financiamento empresarial ou para mellorar as infraestruturas dos parques empresariais”
O director Xeral do Igape entrou mais en materia desgranando as liñas de axudas que a Xunta está publicando neste primeiro trimestre do ano e atendendo as consultas do público asistente.
Finalmente indicar que na ABE contamos con folletos que conteñen información detallada das liñas de axudas e que están a disposición dos socios e socias.